Publicado por
Historia

En 1999 comezamos a considerar a idea de buscar un terreo nas proximidades do peirao de Santa Cristina. A partir do 2000 envíanse solicitudes tanto a Portos de Galicia como a Demarcación territorial de Costas coa intención de construír un novo club en algún dos terreos e comézase tamén a deseñar o proxecto das novas instalacións coa colaboración do concello de Vilaboa.

En 2003 conseguimos a concesión do terreo por parte da Demarcación Territorial e a licenza para construír. Falta o máis complicado: o financiamento. As solicitudes ós organismos provinciais e autonómicos non dan resultado pero si a solicitude ó PLAN PRODER, que con fondos europeos nos vai financiar o 80% do orzamento, tendo o club que asumir o resto dos gastos. Son anos moi complicados a nivel económico pero todos sabemos que as posibilidades de que o club medre pasan pola necesidade dunhas instalacións axeitadas con bo acceso ó mar.

 O ano 2005 marca un antes e un despois na historia do Club Náutico Cobres, inauguramos as novas instalacións o que supón un gran pulo para todas as actividades náuticas promovidas dende o club. A escola infantil de piragüismo aumenta a súa actividade sen preocupación agora polas mareas e tamén o número de participantes, situándose ese ano sobre os 20. Pódense desenvolver os cursos de vela con maior comodidade e comeza a escola de vela infantil, precedida por charlas informativas impartidas por monitores nos colexios de Riomaior e Toural. Organizamos eventos como a IV Regata da COPA DE ESPAÑA DE KAYAK DE MAR que reúne a máis de 100 palistas de todo España.

Con respecto á sección de vela, este é un ano importante tamén xa que é o ano da celebración da Volvo Ocean Race con saída dende Vigo e a Dirección Xeral para o Deporte se implica a partir deste ano con programas como VELA NA ESCOLA, un programa que pretende achegar a vela ós escolares, co o que o C.N. Cobres colabora e realiza actividade con alumnos do IES AS BARXAS de Moaña con material e monitores facilitados pola Federación Galega de Vela. O Club Náutico Cobres organiza tamén bautismos de mar para nenos e mozos para promover este deporte.

Dende 2006 formamos parte das escolas deportivas infantís do concello de Vilaboa, o que implica unha pequena asignación para costear os gastos xerados pola adquisición de material e pago de monitores para os máis pequenos. Neste primeiro ano forman parte desta escola 8 nenas e 12 nenos. A metade dos que afortunadamente seguen a facer deporte no club actualmente. Dende a temporada seguinte, e tendo en conta que nos parecía fundamental a atención á base deportiva do club contamos cunha adestradora exclusiva para a sección infantil, Araceli Menduiña que se mantivo no seu posto ata 2010.

Celébrase unha nova edición da Copa de España de Kaiak de Mar cun novo éxito de asistencia.

En canto a resultados, o equipo de veteranos está quedando nos primeiros postos a nivel galego, o equipo de sénior, xuvenís e cadetes quedaron en 11º posto a nivel autonómico (2006) 17º ( 2007) e (2008) dun total de 50 clubs.

A sección de vela, con Uxía Fernández como monitora, céntrase na celebración de cursos de iniciación durante o verán. Trátase de cursos semanais de 20 horas en horario de tarde, que teñen moi boa acollida demostrado polo numero crecente de licencias deportivas que chega a 72 no ano 2007 .

Xa comezara ademais  en 2006 a primeira edición do Campionato Social de Vela Lixeira que seguimos a celebrar.