Publicado por
Historia

O club Náutico Cobres nace co nome de “Club Piragüismo Deilán” en decembro de 1982 dentro da extinguida Asociación Cultural Lamela de Santa Cristina de Cobres, tal e como figura en acta do 10 de decembro de 1982 da mencionada entidade. A primeira directiva do club fórmana Xosé Lois Otero Pereira(presidente), Manuel Solla Fernández (vicepresidente), Enrique López Patricio (secretario) e Francisco Díaz Lorente ”Paco Piraguas”(tesoureiro) entre outros. É este último a persoa que se encarga de dinamizar o club e acompañará ós palistas ás regatas estes primeiros anos. Sen local e con tan só 3 piraguas cedidas pola Federación, o club bota a andar e adica o seguinte ano a formalizar a súa situación creando estatutos, rexistrándose na Xunta de Galicia e inscribíndose na Federación de Galega de Piragüismo. Así mesmo comeza a achegarse a esa parte da poboación que non amosaba interese polo fútbol (único deporte practicado nese momento) e sen persoal especializado, sen instalacións, e case sen recursos comeza a facerse un oco entre a veciñanza que pouco a pouco se vai facendo máis grande.

As poucas embarcacións gárdanse ó aire libre nun lateral da casa de “Grelos” que nos permite almacenar o material no baixo da súa casa. Este non é o único veciño que axuda ó club nos seus comezos; ó ano seguinte, Juan Amoedo, permítenos usar durante varios anos gratuitamente o baixo da súa casa. Grazas á súa proximidade ó mar e a praia podemos desenvolver dende aquí a actividade de formación e os adestramentos.

Dende o 1983 o club comeza a organizar competicións co nome de TRAVESÍA DE COBRES, que chega á XIII edición , e que foi substituída por outras como as Regatas Concello de Vilaboa Piragua-Cross de 1996, Regatas de Infantís ou as máis recentes IV COPA DE ESPAÑA DE KAYAK DE MAR (2005)V COPA DE ESPAÑA KAYAK DE MAR- TROFEO PRINCIPE DE ASTURIAS (2006) ou regatas amigables de INFANTÍS ALEVÍNS.

 Dende un comezo, ademais de participar na liga provincial de piragüismo e na 2ª división da liga galega, facemos saídas fóra de Galicia para eventos de carácter nacional e internacional como son o Descenso do río Doiro (máis de 50 quilómetros en varias etapas) en 1984 e a partir de 1986 participamos no Descenso Internacional do río Sella.Debido ó éxito desta primeira experiencia repetimos nos anos a seguir chegando a desprazar ata medio centenar de persoas en autobús ó que de todos é coñecido como a “festa das piraguas”.

Sabemos que a situación no baixo de Juan Amoedo non é máis que provisional así que no verán de 1985 empézase a ampliar un pequeno baixo no recheo de Riomaior no que traballan palistas e membros da directiva e que non ocupamos definitivamente ata 1988.

 Non é a mellor localización xa que con marea baixa os palistas teñen que enterrarse na lama ata os xeonllos cargando coas piraguas, e só os máis duros se manteñen, pero non temos outra opción.

En 1987 un grupo de xente nova de Paredes comeza a se interesar pola nosa actividade e impártense cursos de iniciación entre eles, cédese algún material e no ano seguinte os que se senten atraídos pola competición pasan a formar parte do noso club, no que permanecen ata 1991, cando deciden crear un club propio :“Club Piragüismo Vilaboa”.

 Ata 1988 participamos en 2º división galega e acadamos postos destacados, situación que se ve desmellorada en 1989 cando a Federación galega unifica as ligas pasando a crear unha única división galega. Como é lóxico resulta difícil superar a moitos dos clubs que participaban ata entón na 1º división, clubs na maioría dos casos con material, instalacións e recursos moi superiores ós nosos.

Trabállase arreo tanto nos adestramentos na auga en Paredes e Cobres como nos adestramentos en terra no Pavillón de Vilaboa e vanse mellorando os resultados paulatinamente, destacando en 1991 o 3º posto de clubs na Liga provincial, 7º posto por clubs no DESCENSO INTERNACIONAL DO RIO MIÑO (TUI) ,que é a 2ª regata máis importante a nivel nacional no que se refire a descensos e na que participan sobre 30 clubs a nivel nacional; 10º posto do equipo infantil na Liga Galega; a nivel individual cabe destacar o 2º posto no Campionato de España na categoría de Dama Infantil-A.

A comezos do ano 1987, o club Deilán, decide cambiar o seu nome pasando a denominarse Club Náutico Cobres.