Publicado por
Historia

O piragüismo e a vela son deportes de referencia en Cobres e a súa zona de influencia, contando con socios e deportistas de toda a provincia. A nivel competitivo, o equipo de cadetes, xuvenís e sénior, malia tratarse dun grupo reducido, só masculino, e que por tanto non pode cubrir todas as categorías, está nunha liña ascendente na clasificación xeral e na Liga Galega de Ríos e Travesías acadou o 10º posto dun total de 49 clubs participantes en 2009. Este éxito débese ó esforzo dos deportistas que teñen que demostrar máis en peores condicións (non contamos co material para a competición co que poden contar outros clubs que están na elite) e o traballo continuado do que dende 1985 é o adestrador do club: Celso Martínez Veras.

Pola súa parte o equipo dos máis pequenos, benxamíns e alevíns, acada este ano o 6º posto na liga galega.

 O traballo que se estivo a facer de promoción nestes últimos anos, visitando centros escolares, repartindo información antes dos cursiños, e como non, gracias as novas instalacións nunha localización axeitada, está a dar os seus froitos e no verán de 2009 chegamos a ter máis de 30 nenos e nenas facendo piragüismo.

Tendo en conta as poucas regatas que tiñan os alevíns e benxamíns nesa temporada organizamos unha regata amigable invitando ós clubs próximos. Tivo lugar o domingo 28 de XUÑO e os nosos deportistas acadaron varias medallas e o primeiro posto de clubs.

Esta foi a primeira convocatoria que debido a boa acollida seguimos a celebrar.

Dende 2010, Miguel Sánchez Moure, pasa a facerse cargo do adestramento de benxamíns, alevíns e infantís que se leva a cabo tres días á semana.

Faise necesario a ampliación do ximnasio e o equipamento con novas máquinas, pero as axudas institucionais son cada vez menores, así que son de novo os propios deportistas e a directiva os que se poñen literalmente “man a obra” soldando, pintando e habilitan unha parte do club para tal fin. Esta mellora remata a comezos de 2011 e dende entón o uso das instalacións veuse notablemente incrementado por novos e antigos socios.

Nestes dous últimos anos a sección de vela estivo activa a través da escola infantil, e a escola náutica de verán con cursos de vela lixeira de 20 horas semanais, rexistrando 71 licencias durante o ano 2009 e 52 en 2010. Adrián Cortegoso, que se iniciou no náutico Cobres en piragüismo e vela é agora o monitor da sección de vela nestas dúas temporadas.

En canto a competición, aínda moi escasa por non contar co material axeitado. Tres tripulacións do club náutico Cobres participaron de xuño a setembro de 2010 no «I Trofeo de Verano-Regata de los Jueves» do club Punta Lagoa de Vigo. Cabe destacar a tripulación Gundixe, capitaneada por María José Moreira que obtivo o 2º posto e a tripulación Náutico Cobres, capitaneada por Benito Fernández que obtivo o 3º posto.

Polo que respecta á  III Regata Social de vela lixeira organizada polo C.N. Cobres  durante 2010 os campeóns foron Xabier Rosas e Silvia Guimarey. Os participantes poideron seguir toda a información sobre as regatas en blogs como:  http://campionatosocial.blogspot.com/       http://campionatoescolaprimaveiraiii.blogspot.com/

 Durante o mes de septembro  terá lugar a IV edición.

De cara ó futuro afrontamos novos retos e seguimos  co propósito co que se fundou o club e que nos animou todos estes anos: a promoción dos deportes náuticos para mellorar a calidade de vida da poboación.