Publicado por
Historia

Dende 1990 organizase un novo evento deportivo: a CARREIRA PEDESTRE DE NADAL que se celebrará cada 25 de decembro ininterrompidamente ata 2001 coa que colabora o concello de Vilaboa e algunhas casas comerciais.

Dende 1992 ata 2005 o club asume a xestión do PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DE RIOMAIOR e coa colaboración do concello de Vilaboa instala un pequeno ximnasio, que resultará moi práctico pola súa proximidade ó local de almacenamento do material e fundamental nos adestramentos dos palistas. Dende esta nova plataforma a directiva amplía a oferta deportiva realizando actividades de KUNG-FU, AEROBIC, XIMNASIA DE MANTEMENTO OU TENIS. Algunhas destas actividades contaron con monitores do club e noutros casos con persoal contratado.

Tamén se organizou a LIGA DE FÚTBOL SALA ANUAL entre os meses de outubro e xuño, cunha gran acollida por parte da poboación. Actividade que coordinou sempre, José Manuel Fernández Rosendo.

En 1995 coa intención de seguir ampliando a oferta deportiva nace a SECCIÓN DE VELA e comézanse a organizar cursiños durante os meses de verán coa colaboración do Concello de Vilaboa. Coa intención de dar continuidade a estes cursos, mercamos en 1996 a primeira embarcación de vela lixeira (clase Vaurien). A esta seguirán outros vaurien e optimist e un galeón que completan a flota actual. Todo o material é de 2ª man e son os deportistas do club os que se encargan dos arranxos e posta a punto das embarcacións para a o seu uso.

A sección de piragüismo segue a ser a de maior actividade no club e asístese a todas as regatas da Liga de Ríos e Travesías, Regatas de Pista, así como as de promoción. Podemos destacar un 2º posto no Descenso do Lérez e un 4º posto no Descenso Internacional do río Miño na temporada 1996, ou 6º de Galicia na Travesía de Foz de 1998.

Coa intención de ampliar a oferta deportiva e a de chegar a máis xente, dende 1999 elabóranse trípticos informativos co programa de actividades do club que incluía dende cursos iniciación ó piragüismo, actividades de sendeirismo, descenso de ríos en piraguas estables, rutas en bicicleta, travesías, etc.

Ás piraguas estables para descensos adquiridas no 94 vanse engadindo algunha kaiak de mar co propósito de crear unha nova sección: a de TURISMO NÁUTICO e organízanse saídas para animar a socios, ex palistas, pais, nais e demais poboación a facer deporte.

Dende as instalacións no recheo de Riomaior a actividade de vela é unha odisea, só se pode acceder ó mar con marea chea, a dinamización do turismo náutico tamén se fai complicada polo pésimo acceso ó mar, e incluso a promoción do piragüismo entre os máis pequenos vemos que non evoluciona xa que os pais, razoablemente, resístense a que os seu fillos se metan na lama.